O DESEXO
No lugar máis impenetrable da cadea que conforman os nosos xenes figura inscrita a forza axial do desexo. Maquinación contra os límites impostos por un corpo finito ou movemento espiral que á vez nos adentra e descentra nun eterno delirio, o desexo é aquilo que permite -aínda intuíndonos monicreques suxeitos ao supremo ineludible- crear o simulacro da paixón como máscara dunha vontade que, de certo, é máis instinto que consciencia, directriz natural antes que elección propia, forza que nos axuda a medrar afortalando as propias raíces co peso da vida. E así, no seu vórtice centrífugo, o desexo guíanos, sen tregua nin pausa, da entraña cara a fóra e do externo ao máis íntimo, reverberando nós baixo tal manto como ondas concéntricas que conteñan no seu/noso xerme a orde absoluta do cosmos, aquela música das esferas que, para os pitagóricos, era encontro co sublime, fulgor dunha beleza pura capaz de cegarnos coa súa intensísima luz. Arder é pois destino irreversible, cativo alivio para un afán que, a xeito da pedra de Sísifo, arrola unha e outra vez no vaivén de colmar e deshabitar o noso corpo cunha plenitude e baleiro simultáneos ou respiración necesaria onde se contén a experiencia da luz pero tamén o quebranto da sombra. Habitante desta polaridade extrema, o ser conclúe, como Nietzsche, que o desexo é o soño de todos os soños, o portavoz do misterio máis recóndito, aquilo que sempre nos desborda.
Teresa Seara
Hola ¿en que puedo ayudarte?