MARZO / MAIO 2017
Felipe Ortega Regalado preséntanos un proxecto composto por vinte e catro obras, pleno de formas vexetais, de pétalos, froitos e sementes, no que a súa pintura escapa de modas e correntes. Para el a pintura está no modo de ver e de transmitir, así de sinxelo e simple, o pracer de pintar vai unido ao pracer de observar e así a súa obra crece con harmonía e ritmo, construíndo unha paisaxe propia con tinguiduras oníricos, rico en detalles, infestado de plantas imaxinarias e unha gama cromática que percorre as cores máis puras, os intensos azuis, vermellos e amarelos mestúranse con liñas e fondos neutros nun proceso de construción a partir non do que ve senón do que se imaxina.