OUTUBRO / NOVEMBRO 2019
Recoñezo que quedei prendado observando aquel macuto vermello ás costas daquela moza que conversaba coa súa parella mentres, apoiado no mostrador do posto de comida, un home cruzaba a súa mirada coa miña e observaba a escena. Por un momento cheiro a comida, escoito a un músico rueiro ao lonxe e sinto o frío que empeza a calar o meu corpo… e son consciente… atrapoume.
Porque así, cativadora e absorbente é a pintura de Laura Nieto (Medina del Campo, 1978). Uns lenzos impoñentes que toman pequenos soplos de autorreferencia para convertelos en pura experiencia estética, en beleza visual que non só convida a ser gozada, senón a ser reflexionada. Pezas que desde a normalidade do encontro social reivindican o tempo lento deses instantes nos que retornamos á nosa humanidade fronte á tolemia e vertixe á que nos arroxa a sociedade posmoderna.
Uns traballos que nos convidan a transmutarnos na propia artista, e así paladear eses momentos de calma e contención ofrecidos polos seus pinceis. Escenas que a un tempo preséntanse cheas de vida vibrando grazas aos reflexos que Nieto consegue co spray de grafitero ou con pequenas manchas asonantes. Un ritmo que atopamos tamén grazas a unha aposta sen fisuras polo espectador, ao convidalo a contribuír coas voces, os rozamentos, as miradas duns personaxes anónimos que nos ofrecen as súas historias para empezalas ou a rematalas.
Descóbresenos así en Laura Nieto unha creadora de paisaxes humanas, unha hacedora de pequenos relatos que toma a pintura como medio para facernos soñar. Para facernos desacelerar e gozar do instante… e no meu caso, recoñézoo, conseguiuno.
Iñigo Rodríguez Román