11 de Noviembre – 12 de Diciembre

img_9289

img_9267

img_9254

Infinito Caduco

 A Natureza, o espazo exterior que semella todopoderoso e ao mesmo tempo impotente ante a nosa embestida, engloba e artella case por completo a exposición, como reflexo e peza do xogo na gran partida do tempo. Na súa grandeza reside a antítese que dá nome ó conxunto de obras, onde o inabarcable infinito do percorrido dun río vese fracturado co incesante devir das augas que encauza.

 

Cada intre contén en si un esvaecemento.

Codiciada por todos, só a verdade prevalece, ata que o esquecemento a arrastre.

 

Mediante o ollar enriquecemos a capacidade de entendemento do noso arredor, dos espazos, das cores e formas, das luces e das sombras. Temporalmente seguimos as pautas da nosa natureza interior e a medida que imos crecendo, ese sexto sentido desaparece en prol da razón, xerando lecturas que en moitos casos non nos pertencen, imbuídas do ben e do mal. Paradoxalmente, o coñecemento componse de caricias e golpes arraigadas dende o día un, que por motivos persoais non sempre queremos aceptar.

En Infinito Caduco, a obra abastécese da súa propia realidad, ao igual que nós, pero coa diferenza de que son os espazos os que barallan a súa propia existencia, e sempre atallan dun xeito ou outro por roteiros intransitables. Fervenzas profundas, camiños angostos, areas movedizas ou finas pólas, teñen o mesmo poder que as conxecturas da nosa existencia.

As grafías que se realizaron xa desapareceron. Improvisacións caducas recollidas pola cámara e aletargadas no papel. O resto son anacos, fracción de momentos irrepetibles que tratan de capturar as esquirlas da pedra que afía os intres, e que tan desapercibidas caen diante nosa. Atallos recolectados cara ó enriquecemento do individuo, íntimo e luminoso.

 

As estrelas na auga reflicten a sabiduría to tempo.

O tempo gaña cando a vida esmorece no solpor.

 

Denís Estévez Fernández

Setembro de 2016

 

A PAISAXE DE DENIS ESTEVEZ. O primario e o informe en continuo tránsito

Imaxinar a natureza. Imaxinar o momento irrepetible na que esta devén nunha paisaxe, mediante a mirada do artista. ¿Que fai que a súa imaxe sexa unha continua fonte de inspiración para a arte cara á que indagaron desde hai tempo moitos creadores? ¿Será quizais que a súa indescrifable esencia, absolutamente aberta, préstase a infinitas interpretacións?

Apresar un anaco de tempo dese tránsito de múltiples formas, invitarnos a suspender a mirada nun mínimo momento entre a realidade e o seu reflexo, é o que suxire a serie de imaxes que Denís Estevez agrupa baixo o título Infinito Caduco. Un percorrido polo cauce de río, por augas que son detidas no seu discorrer, descubríndonos, co enfoque radical e directo da súa cámara, a ruptura da fráxil superficie en múltiples accidentes plásticos, como o estalido fai quebrar un espello en múltiples facetas.

Imaxes ambiguas entre a realidade da natureza e a realidade do artista, entre a representación da paisaxe e a súa abstracción, entre a permanencia da materia líquida e a inesgotable mutabilidade. A cámara de Denís Estevez achégase cunha mirada próxima, inmediata -invisible seguramente para un ollo humano-, ao instante fugaz, na procura do primario e o informe dese irremediable e incesante tránsito.

Como fixera o vello Manet nas Ninfeas, no seu intento de acoutar temporalmente eses anacos da floresta e dos estanques do seu xardín de Giverny, as imaxes Infinito Caduco pesquisan tamén eses cambios secuenciais dunha luz, unhas cores, e unha atmosfera, que a auga coas súas reverberacións e reflexos modifica incesantemente, nun reto imposible co irremediable paso do tempo.

Realidade e abstracción que se nos mostran igualmente neses sinxelos debuxos na area, espontáneas grafías gravadas pola man do artista ou polo azar da propia natureza e que Denís subliña con algún pequeno obxecto atopado. Poéticas visións que, como as imaxes da auga, son tamén obras pasaxeiras, efémeras, suspendidas maxicamente nun instante por medio do enfoque fotográfico, aínda que só visibilizadas grazas á mirada dun artista.

María Luisa Sobrino

 

 

Deja una respuesta